top of page

Desconexión activa (ou como descansar sen que o corpo se resinta)

Para moites de nós, o mes de vacacións é agosto, e tamén é un mes ateigado de festas, viaxes, e moitos outros plans de lecer que o noso cerebro e o resto do corpo necesitan. Aínda que tamén é certo que moites o único que pensamos en máis dunha ocasión é “voume deitar coma un coxín no sofá do día 1 pola mañá ao día 31 pola noite e ver o que me boten para non pensar”.


Este tipo de pensamentos son totalmente comprensíbeis se temos en conta o ritmo, con frecuencia frenético, ao que nos sometemos durante o resto do ano. Porén, hai moitas formas de descansar, e para evitar que chegue setembro e digamos aquilo de “necesito unhas vacacións das vacacións”, é importante manter activa a mente mais, sobre todo, o corpo.


Imos falar aquí dunhas actividades que se poden facer nas vacacións, que son perfectamente compatíbeis co descanso “modo Netflix”, mais que impedirán que o noso corpo se oxide e que deixemos de lado hábitos e rutinas saudábeis por asocialos normalmente aos períodos laborais.


  • Postura

Non é recomendábel, por tentador que resulte, botar o día todo en posición horizontal. O sistema músculo-esquelético reséntese e os sistemas de regulación do organismo (nervioso e endócrino) alteran o seu funcionamento. Desrecomendamos especialmente estar moitas horas deitades na cama, dado que se asocia cunha menor calidade na saúde mental: a separación dos espazos de sono e de lecer é de axuda para moitas persoas.


Se imos ver un filme ou tragar unha serie como os patos a comida (quen non o fixo algunha vez), é mellor facelo co lombo incorporado e o máis recto que poidas (pensa na butaca dun cinema e en que se parece ao teu sofá), evitando botar “chepa” e erguéndose de cando en cando. Ter a pantalla a unha distancia e altura adecuadas, na medida do posíbel, axuda tamén a ter unha mellor postura. Sería ideal combinar estas actividades de interior con algunha no exterior, aínda que sexa un paseo. Recorda que o noso corpo está diseñado para moverse e non para estar “tirado”.


  • Estiramentos

Incluso en posturas adecuadas, a falta de movemento pode darnos problemas á hora de facer determinadas accións (como subir a compra), ademais do amplamente probado risco que o sedentarismo supón para patoloxías cardiovasculares e doutros tipos. Por iso, hai pequenos exercicios, que moitas veces facemos incluso inconscientemente, que nos axudan a manter a musculatura preparada para calquera movemento.

Hai certos estiramentos que podes facer mentres estás na casa ou incluso durante as longas tardes de praia tomando o sol como os que podes ver na seguinte imaxe. Recorda facelos sempre coa espalda ben recta e con sensación de elongar!



  • Actividades festivas relacionadas coa danza.

Se xa bailas (non tes que ser profesional nen moito menos!) ou tes algunha noción, aproveitar para desfrutar dun social, no caso dos bailes afrolatinos, dunha foliada no caso do baile tradicional, ou calquera outro encontro festivo no que a danza forme parte tamén é unha maneira de manter o corpo activo e divertirse, ao tempo que socializamos, e a nosa mente tamén agradece. E non olvidemos as tan coñecidas orquestras que durante os veráns galegos percorren os nosos pobos e cidades. Botarlle un baile sempre é unha boa idea!

9 views0 comments

Recent Posts

See All

Comments


bottom of page