top of page

Twerk, feminismo e cultura: das orixes até hoxe

É habitual asociar a palabra “twerk” con bailar reggaetón, incluso como sinónimo de “perrear”. E a verdade é que si… pero non. O twerk é, como probablemente nos veña á mente, o movemento pélvico oscilante que se practica normalmente ao son desta música, mais as súas orixes son moi anteriores.


O twerk é un movemento que ten as súas raíces no territorio que hoxe coñecemos como Costa de Marfil, na costa occidental do continente africano, onde se asocia as ocasións de celebración. Coa migración de persoas desta rexión aos Estados Unidos de América, este movemento adquiriu relevancia entre a población afroamericana, especialmente en Nova Orleáns. Nesta cidade, o twerk mesturouse con outros ritmos para dar lugar a finais dos ’80 e principios dos ’90 ao que se daría en coñecer como bounce, relacionado tamén co hip hop. Estes movementos eran practicados sobre todo pola comunidade LGBTIQ+ afrodescendente do lugar.


Ao ir tendo cada vez mais sona, a perspectiva branca occidental acabou por reparar nesta forma de expresión corporal, que por vir das persoas negras queer foi asociada ao traballo nocturno (ao traballo sexual) e, consecuentemente, acabou por ser sexualizada, mudando o seu significado. Isto contribuiu tamén a xerar unha impresión de feminización do twerk, facéndoo obxectivo da ollada patriarcal.


O twerk continuou a se estender xeográfica e socialmente, cobrando maior relevancia en tempos recentes, ao tempo que outros xéneros e estilos musicais procedentes do outro lado do Atlántico, especialmente afrocaribeños e afroamericanos, como o reggaetón (do que xa falamos noutro post), lévanse popularizando nas últimas décadas. Por este motivo, adoitan asociarse, ainda que teñen historias e características foi diferentes.


A recente popularidade do twerk reavivou o debate sobre a súa relación co sexo e o seu suposto rol como ferramenta de seducción. Pola perspectiva machista que impregna a nosa forma de ver o mundo, as mulleres que o practican veñen sendo denostadas, como acontece coa sexualidade das mulleres en xeral. Por iso, desde certos movementos feministas preténdese resignificar novamente o twerk como símbolo de empoderamento feminino e da diversidade, recuperando o seu carácter festivo e acrecentando un matiz reivindicativo: “movo o cu porque me divirte, non para seducirte”. Desde esta perspectiva, a práctica do twerk permite a moitas persoas mellorar a relación co seu corpo e facer que se sintan máis cómodas na pel que habitan.


É importante, por tanto, termos sempre presente a historia e as orixes das diferentes formas de expresión corporal que constitúen os movementos, bailes e danzas, porque nestas historias están as persoas que puxeron (e moveron) o corpo antes ca nós, e con elas as súas culturas e todo o que nos permite hoxe desfrutar da música e da danza como a coñecemos.

46 views0 comments

Recent Posts

See All
bottom of page