Sondanza

fullDatetime-to-read.short-label

Ioga: kit de principiante

Pernas cruzadas, mallas, incienso e algunha cousa máis é o primeiro que nos vén á cabeza cando nos falan de ioga. Entre os estereótipos e a imaxe que nos proxecta o audiovisual sobre esta actividade, adoitan reinar a confusión e as falsas expectativas.

Por iso, como en Sondanza comezamos as clases de ioga deste curso, hoxe traémosche algunhas cousas que sempre quixeches saber e nunca te atreviches a preguntar sobre o ioga:

1. Que é o ioga?

O ioga é unha actividade de meditación, relaxación e sincronización de corpo e mente a través de movementos, posturas (asanas) e o control da respiración. Ten unha rica historia proveniente do sur de Asia, na que te podes mergullar con maior profundidade.

2. Que orixes ten?

A palabra “ioga” vén do sánscrito, un idioma antigo da zona da actual India, e ten varios signficados. Na súa forma máis básica, “ioga” pódese traducir como “unión” ou “ligazón”. Porén, o seu significado real vai ben alén dunha simple unión física ou superficial. No seu contexto máis amplo e atendendo á súa orixe, referímonos ao ioga como unha disciplina e filosofía que procura a unión e o equilibrio entre corpo, mente e espírito.
 

3. Que beneficios xera?

A práctica do ioga aumenta a nosa consciencia sobre o noso propio corpo, axúdanos a gañar elasticidade e flexibilidade, a concentrarnos, estarmos presentes en nós e no momento e a liberar a mente do que nos distrae e a entrar en contacto connosco a nivel interior.

4. Que se necesita para facer ioga?

Estritamente, nada máis que o teu corpo. Porén, a práctica habitual de ioga, por practicidade e comodidade, inclúe o uso de roupa na que te sintas a gusto e que permita ver a contorna do corpo, ou ben teas orgánicas que permitan un movemento fluído. Adóitase practicar sobre unha estera ou colchoneta de pouco espesor e bo agarre para evitar escorregar ou mancarte.
 

5. Que teño que facer para probar?

Vir ás nosas clases de ioga no momento do ano que queiras e unirte ao resto de compas da escola con só mandarnos un correo electrónico ou falarnos polas redes sociais.

    430
    1